Friday 17 de May de 2024

A Xunta apoia a modernización de empresas e a creación de emprego a través do programa Galicia Inviste


Mediante este instrumento, que vén de ampliar o prazo de presentación de solicitudes ata o próximo 31 de marzo, a Consellería de Economía, Emprego e Industria achega axudas para a adquisición de maquinarias ou equipos para ampliar, diversificar ou mellorar a produción

A Consellería de Economía, Emprego e Industria vén de prorrogar, ata o 31 de marzo de 2017, o prazo para a presentación de proxectos empresariais, ao abeiro do programa Galicia Inviste, orientados á modernización e mellora da competitividade das pequenas e medianas empresas galegas, así como para apoiar a xeración de emprego.

A través do Galicia Inviste, o Igape apoia proxectos de adquisición de maquinaria ou bens de equipo para ampliar a capacidade de produción, ou para promover a diversificación e cambios esenciais nos procesos produtivos das compañías en funcionamento. No proceso de avaliación para fixar a contía das axudas valorarase o interese ambiental dos proxectos, que conten con certificación ambiental, e obterán maior puntuación os impulsados por pequenas empresas.

Ademais, esta convocatoria de axudas, agora prorrogada segundo a resolución publicada hoxe no DOG, apoia igualmente investimentos en obra civil ou maquinaria e outros bens de equipo para a creación de novos establecementos empresariais ou para a ampliación de instalacións produtivas con alto potencial de creación de emprego. Tamén neste caso, a porcentaxe de axuda pública será máis elevada no caso dos proxectos impulsados por pequenas empresas, con menos de 50 empregados.

As axudas poderán apoiar o financiamento de investimentos empresariais comprendidos entre os 50.000 e os 900.000 euros. Para financiar investimentos de superior contía, as empresas galegas teñen a posibilidade de acollerse ás axudas habilitadas polo Goberno do Estado a través da liña de Incentivos Rexionais do Ministerio de Hacienda, xestionada en Galicia tamén a través do Igape.

Dentro desta liña de apoio ao investimento das pemes galegas, o Igape facilitou polo momento a aprobación de 21 proxectos que contribuirán ao mantemento de máis de 700 postos de traballo, mobilizando investimentos por preto de 5,2 millóns mediante a concesión de axudas que superan os 820.000 euros. As empresas beneficiarias corresponden principalmente ao sector industrial, incluíndo metalmecánico, madeira, granitos ou téxtil.